



Betanzos histórico. Unha mirada xove sobre a cidade vella.
Vivir nunha cidade histórica é, certamente, un luxo. Cando visitamos Toledo, Córdoba, Florencia, Roma, París... pensamos: "que marabilloso sería vivir aquí!". Pero realmente estamos vendo esas cidades cunha mirada de turista, e non coa dun habitante deses espazos urbanos. Un dos aspectos máis característicos desta ollada de turista é o que poderiamos chamar "visión arqueolóxica": un xeito de mirar moi selectivo que borra aquilo que non é monumental, encadrado nun estilo recoñecible.
Pero o habitante desas cidades, e o fotógrafo que pretende rexistralas na súa verdade, non pode menos que confrontalas cunha realidade ás veces ben diversa. O caso de Betanzos é paradigmático: despois dos vídeos promocionais, os folletos turísticos ou os carteis chantados nas rúas que describen os monumentos da cidade, descóbrese unha realidade de deterioro ou mesmo abandono, minusvaloración do patrimonio ou incluso desprezo polo mesmo.
Sería bo poñer a secar e airear as ideas preconcebidas que nos impiden mirar a cidadecomo espazo habitado e habitable por persoas de hoxe. Ás veces é un bo exercicio percorrer a cidade baleira, percibila sen interferencias, como puro espazo... silencioso. Os nosos xoves fotógrafos queren, a través da súa mirada, axudarnos a descubrir baixo tanta capa falsa este verdadeiro Betanzos monumental, deteriorado, baleiro ás veces, repousado... aínda vivo.Tamén nos animan a mirar a cidade como "polis", como foro de cidadanía e reflexión sobre todo o que se comparte cando se habita nun núcleo urbano: patrimonio, problemas, propostas...
